terça-feira, 4 de junho de 2013

NESA REPÚBLICA NOSA

NESA REPÚBLICA NOSA.

Ouh, Avelino, amigo. Ti ben sabes que hai persoas que na vida
nos irradian autenticidade, nobreza, ...evocando os recendos da Nai,
da orixe como fonte de nós, da nosa esencia.
Ti ben sabes que hai persoas que polinizan cultivos honestos,
cheos de porvir e de sentimentos sans, dos que cabalgan na música da natureza,
descubrindo orballos e amenceres, que buscan no solpor aquel pouso de sosego de luz,
de erguermos na loita a cada intre e que escoitan a verba pura en arelanzas.
Ti ben sabes, Avelino, que hai persoas que espertan esperanzas durmidas
aquelas, as dunha Galiza en pé que se espreguiza,
chea de horizontes aínda por descubrir, presentidos xa, desde a noite dos tempos.
Ti ben sabes que hai persoas que son sabias de humanidade e de coñecemento,
de bondade e honra, de honestidade en auga limpa e xenerosa
e que berran cubertos da carraxe diante o posible e, coma cheos de maxia,
alentan para accionar as forzas todas desde o profundo do ser,
desde esa alma oculta que se desbloquea, para respirar de novo un aire puro,
reparador de tanto mal que nos fixeron e que seca as bágoas,
a impotencia, a desolación e a nube gris que nega calquera falta de porvir.
Ti ben sabes, Avelino, que hai persoas que camiñan sen facer ruído,
con humildade, coma quen aloumiña un fillo na noite e en silencio,
aloumiñando sentimentos, coma quen canta unha anaina suave e tenra,
na sombra do cuarto escuro, para adurmiñar os medos e que esclareza
unha noite de moitas lúas, e infindas estrelas.
Avelino, ti ben sabes tamén, que hai persoas que non usan máscaras
nin disfraces para ocultarse, que pasan caladas e desapercibidas para ofender,
para enganar, para meterse nas sombras do corrupto. E son tantos e tantas.
Sabes ben, pola contra, que hai persoas que deixan un ronsel de elegancia
en dignidade,  de simpatía.
Hai persoas que pasan e deixan memoria do noso ser, ...ti fuches un deles.
Por iso te lembramos agora, precisamente agora que hai tanta corrupción e tanto medo,
que hai tanto desespero e negro agoiro, ...non que a única solución é loitar,
berrar xuntos de novo: que si se pode, que é xusto e necesario levantarnos e dar a cara,
que non nos encollemos diante de ninguén, que iremos coa palabra precisa e clara,
coa man botada para axudar, pero coa cabeza ergueita para non claudicar
defendendo o que é noso e corresponde, como pobo e nación,
como donos de nós e do noso, dese noso destino que nos fará seres dignos da Mai
a pesar dos tantos fillos renegados e sen raíces,
na confianza de repoñernos xuntos con tantos outros que para vivir
tiveron –de novo- que marchar lonxe, desacougados e tristes
...mentres moitos calan, pasivos, vendo pasar o aire.
O noso compromiso, Avelino, segue a ser o teu compromiso de sempre.
Estaremos en pé, para accionar e dar forza, para xuntar e conciliar vontades,
para defender o Noso, a nosa Dignidade de Pobo:
Nación que ergue no orgullo de saberse, na memoria de estar,
e na honra de ser quen somos, diante de nós e diante do mundo.



Mero, 15 de maio de 2013

1 comentário:

  1. Avelino quería estar na Festa da República. Xa o ano pasado por mor da súa saúde nom chegou a estar. Aquí queda esta homenaxe feita por Mero. Este ano tamén será recordado no 82 aniversario da proclamación da I República Galega.

    ResponderEliminar