quinta-feira, 13 de junho de 2013

"O LEO i ARREMECÁGHONA" na festa da República Galega

Alá polo ano 97, unha maqueta gravada cunha minicadea e un micro no centro (pola reverb) dun salón de Vigo cunha guitarra acústica rescatada do lixo chegaba ás mans de alguén que chamou O Leo i os Endinados para tocar no II Félix Rock de Vigo, xunta bandas como Babes in Toyland ou Toy Dolls. Mentres viña a data do concerto, O Leo fíxose acompañar virtualmente (aínda nunca chegaron a tempo a un concerto) de Arremecághona!!!, dúo de tamboril e cunchas inspirado en Metallica e no seu Enter Sandman . Un ano despois, coa entrada para o concerto de Vigo xa mercada, O Leo i Arremecághona!!! foron requiridos para abrir os directos da Xira Galega do Veintegenarios de Albert Pla. Tiveron que lle revender a entrada a un colega. De aí saíu o xermolo deste disco, Suspiros de Kaña , gravado e mesturado por Pablo Iglesias no febreiro de 1998.
As mil copias dese disco nunca foron distribuídas máis ca en dúas tendas de Vigo e dúas de Santiago (polo propio autor). Tampouco se chegou a facer xira de presentación, aínda que o disco si foi posto en Satelitrés e en La Baía de Radio 3 e por aí saíron tres bolos no Festival de Teatro de Peto de Donosti. A partir de aí, o Leo i Arremecághona!!! tocaron no III Félix Rock e en todo canto minifestival e pub se prestase a acollelo, entre eles a Fiasta de Goián, no Baixo Miño, onde máis de 2.000 persoas corearon os seus temas na II edición do festival e onde máis de 400 se xuntaron no Entruido do ano seguinte para inaugurar, no furancho da Once (Asociación entruideira), o I Festival da Taíña, vixente inda hoxe. O Leo considera Goián como a súa patria musical. De feito O Leo arrenega musicalmente da súa patria verdadeira, Matamá, en Vigo, onde o vetaron expresamente –a el e ó festival enteiro– polo contido das súas letras.
Ao longo destes anos tamén fixo músicas e letras para espectáculos teatrais, en que participou asemade como actor: As Presidentas , d' A Factoría Teatro e Vendetta , de Berrobambán Teatro, espectáculo punk para pubs que aínda deixou de representarse no febreiro deste ano 2006. Agora prepara o disco Aghomita, campión! , en que vai colaborar con todo tipo de acompañamentos, dende dj ata bandas de música, e o directo Sigho (Vivo)!, recompilación audiovisual do seu espectáculo en vivo.

Sem comentários:

Enviar um comentário